A pregunta polos mortos

MENTRAS IMOS ANDANDO

O tempo cheira a estación ferroviaria
no arrabaldo do amencer,
cando os trens agallopan xemendo
por túneles de noite
e brilan luces misteriosas
nos bosques profundos
e no perfil confuso das cidades lonxanas.
Mentras imos andando.
O tempo soa a frauta melancólica
de pastor isolado; a birimbao de vento
nas marelas acacias ao caír a tardiña.
Un soar monocorde
que ven baixando a tombos dos curutos,
chega até o val e trócase en paxaro.
Mentras imos andando.
O tempo ten a cor dos prados, pero ás veces
ponse gafas vermellas e reloce,
-esmacelado e fondo, aluarado-
coma un Sahara de augas movedizas,
auga de area, chuvia de area,
sobre mares de area interminábeles.
Mentras imos andando.
O tempo leva grímpolas de berros pendurados
dun aramio de espiño; leva fírgoas de luz;
leva farrapos de esperanzas ergueitas
sobre mastros de soños; e leva as derradeiras
palabras dos soldados descoñecidos
que morreron nas guerras polas patrias inútiles.
Mentras imos andando.
O tempo é unha cousa que está e que esbara
coma cóbrega longa rastreando
o corazón dos homes, ises vermes
que están tamén e van tamén pasando,
matinando furar un rexo muro de soidades,
pedra de escuros dioses que couta a súa sombra.
Mentras imos andando.
Mentras imos andando o tempo ten un nome,
un alcume de neve que ninguén o pronuncia,
un alcume que esbagoa nos vidros do inverno
e nos segredos xardís de acibos mergullados.
Mentras imos andando pregunto polos mortos,
pregunto polas cores das froles que amaban,
pregunto polas mornas mañás que gozaron,
pregunto polas ondas do mar. Eu pregunto.
Mentras imos andando.

CELSO EMILIO FERREIRO, Longa noite de pedra, 1967

Deja un pensamiento

Introduce tus datos o haz clic en un icono para iniciar sesión:

Logo de WordPress.com

Estás comentando usando tu cuenta de WordPress.com. Cerrar sesión / Cambiar )

Imagen de Twitter

Estás comentando usando tu cuenta de Twitter. Cerrar sesión / Cambiar )

Foto de Facebook

Estás comentando usando tu cuenta de Facebook. Cerrar sesión / Cambiar )

Google+ photo

Estás comentando usando tu cuenta de Google+. Cerrar sesión / Cambiar )

Conectando a %s