inconmensurable balea

Bianca de Vilar. Journey

 

(E todo por facer da vida unha dose indolora verdadeira existencia, co seu sol e a súa sombra. E do Soño Eterno, do “Big Sleep”, outro máis pequeno…)

IF I DIE BEFORE I WAKE…

O pasado apodrece baixo terra
e o presente non flúe,
é un río morto.

Pero esta vez non haberá resurrección
e o futuro é por forza alleo a min.

Lois Pereiro (nadal, 92)

Inconmensurable balea

É si alleo, alleo coma o son as bolsas do Gadis, que fixeron súa a celebración do teu falecemento, bolsas de plástico, moitas das cales acabarán no estómago dunha balea. Dígome por forza non gastes tanto plástico, aprovéitao. Balea, balea, balea. Estómago dunha balea. E non o gasto. Mais cando esas bolsas cheguen ao estómago da balea atoparante a ti dentro. Estarás alí, se cadra encartando bolsas de plástico tremando da man dun neno, dous nenos, cantos nenos, que xogan ao lazo coas bolsas de plástico, esa sensación de quedarse namais un segundo sen alento antes de recuperalo e ás veces falla ese alento, ese segundo, quita daí todas esas bolsas de plástico, arrédaas de min, deixa que eu che axudo. O pasado apodrece e o futuro. Que futuro é este dentro dunha balea de plástico? O estómago cheo de rapaces devorados.

If I die before I Wake… Non te enterarás de nada, non saberás como son os teus sepelios, como moitos e moitas din que che queren, que che quixeron. E eu non sabía quen eras. Merquei os teus libros porque sabía que tiña que facelo. Onde nacen esas obrigas con quen un non sabe quen é, de quen un non sabe qué é agás unha bolsa de plástico que se levanta co vento? Quizais algunha levantouse co vento e foi alto o vento como son as veces as mans, tamén de plástico coas que se serve a verdura e máis os pementos e máis as cenorias. Esas mans de plástico ás veces na rotonda fan danzas macabras, mans invisibles de plástico izadas ao ceo, que tamén é outro río morto. Mais a túa bolsa de plástico tiña un nome, tiña una cara, tiña o teu rostro, unha data ao principio, unha data ao final, todo moi ben reglamentado. Ahí estaba todo, todo o que era propicio. Uns cantos versos. Na radio unha nena, unha nena pequena, quen o diría, lería algún daqueles versos, versos que son por forza fortes de máis para que unha nena poidera lelos, e por iso foi necesario que os lera unha nena. Quen sabe, que espanto. Segues a facer e desfacer nós nas bolsas de plástico dentro da balea, arredando os nenos. Fálalles aos nenos, non deixes que xoguen coa bolsa de plástico. Que só recorten os versos. Recortade só os versos. Non xoguedes ao último alento. A ese non. Que non sexa río morto río que non flúa morto que non sexa morto río o río río.

Noelia Pena, abril 2017